|
Manifesto
NUNCA MÁIS
O accidente do Prestige, a posterior xestión da traxectória
do barco e as consecutivas marés negras, supuxeron unha gravísima
crise con enormes consecuéncias no plano social, econónimo
e ambiental.
Esta catástrofe, de dimensións descoñecidas na Galiza,
puxo de manifesto a caréncia absoluta de medidas de prevención,
protocolos fiábeis de actuación e meios de protección
do litoral galego. Só a actuación decidida e sacrificada
dos sectores produtivos das rias galegas permitiu minorar en certo grao
os gravísimos danos das marés negras e, do mesmo xeito,
só a actuación dos concellos galegos, das diversas organizacións
e comisións cidadáns e de milleiros de voluntários,
permitiron iniciar a loita contra a contaminación nas nosas costas,
diante da auséncia do Estado e acción guvernamental.

Asi mesmo, toda esta catástrofe e a situación de desamparo
vividas supuxeron unha imensa reacción da cidadanía na esixéncia
de que "nunca máis" volvera a suceder unha crise destas
características e de que se tomasen todas as medidas necesárias
para lograr a recuperación dos graves danos económicos,
sociais e ambientais que se estaban a orixinar.
A consecución destes obxectivos de reparación, recuperación
e seguranza marítima integral implica a disposición de elevados
recursos económicos, unha importantísima mobilización
e colaboración social en todos os seus ámbitos e a implicación
de inxentes meios técnicos e materiais.
Por isto, a Plataforma cidadá NUNCA MÁIS, como expresión
das demandas da cidadania galega, esixe a posta en marcha das seguintes
medidas:
1- Por hixiene democrática, depurar as reponsabilidades políticas,
tanto do Governo galego como do Governo central.
Non podemos calar diante da manipulación e do escurantismo que
están a practicar ambos os Governos do Partido Popular, utilizando
todos os meios ao seu alcance e opondo-se á criación de
calquer comisión que dea luz a todo o acontecido.
2-Solución definitiva ao barco afundido polos seus constantes vertidos.
Nestes momentos seguen a aflorar manchas de fuel do Prestige, sendo impredicíbel
a apertura de novas fendas no buque. Non é posíbel falar
de normalidade mentres se siga a manter o barco afundido coa súa
carga, sen lle dar unha solución definitiva.
3- Dotación de meios modernos e planos de emerxéncia profisionais
de actuación e defensa diante das marés negras.
A contención e extracción das manchas de fuel e dos restos
que se achegan ás costas ou penetras nas rias, ten que ser abordada
por equipos profisionais e con meios modernos, dedicados exclusivamente
a estas tarefas. Unha cousa é a colaboración de todas as
forzas disponíbeis contra a chegada dunha mancha importante ás
costas ou rias e outra ben distinta é o traballo constante de limpeza
e recollida de pequenas manchas, galletas dispersas, labores de vixiláncia,
etc. A sociedade pode e debe axudar aos meios públicos e á
acción do Estado, pero non substituíla.
4- Limpeza completa dos restos de manchas de fuel das augas mariñas
costeiras e das illas e as suas praias, rochas e fundos.
Non se poden normalizar as actuacións de recuperación dos
valores naturais e produtivos sen ter efectuado unha limpeza completa
de todos os restos de fuel. Os profisionais do mar necesitan desa limpeza
para dedicaren-se a recuperar a súa produción, e iso precisa
da convición de que non van chegar máis manchas ou galletas
de fuel. Existen problemas de manchar os aparellos, de estragar a semente,
bloqueo real dos investimentos, etc.
As zonas naturais necesitan desta limpeza completa para reiniciar os seus
ciclos naturais e dar paso, con certa viabilidade, aos traballos de recuperación
de repovoación. Son necesários Planos de Actuación
concretos e escritos para todos e cada un dos aspectos: praias, fundos,
rochas e augas, que se deben executar de forma coordinada, parellamente
e con protolocos de actuación perfeitamente especificados. Estes
planos de actuación deben ter unhas datas de execución e
finalización, dispoñendo os meios materiais e técnicos
e o persoal necesário para executá-los.
5- Medidas urxentes para a recuperación dos valores naturais e
produtivos das nosas rias e litoral.
Elaboración e execución, entre a Administración central
e a autonómica, dun plano de rexeneración da plataforma
continental e das rias, de todo o ecosistema mariño danado pola
marea negra, contando coa comunidade científica galega e co sector
do mar. O devandito plano deberá estar debidamente orzamentado.
6- Medidas concretas para a recuperación económica.
Elaboración dun plano económico-social, contando coa participación
da Xunta de Galiza, con cargo aos orzamentos xerais do Estado –sen
ter en conta as partidas xa asignadas ao noso país–, destinado
prioritariamente a mellorar as infraestruturas e os servizos das comarcas
afectadas e a promover a economia produtiva, sen esquecer a pesca e a
acuicultura, coa finalidade de impedir a emigración e mellorar
a renda e a riqueza.
7- Mantemento das axudas aos sectores afectados.
É necesario seguir a manter as axudas estabelecidas, incluindo
como beneficiários destas a todos os sectores realmente prexudicados.
Non imos aceitar que intereses de aforro económico sexan o condicionante
para a apertura ou non de zonas de pesca ou marisqueo.
8- Medidas concretas para evitar este tipo de catástrofes.
Esiximos a adopción de medidas por parte do Governo do Estado e
da Xunta de Galiza que posibiliten que feitos como este non se volvan
a repetir, con medidas dirixidas a afastar o tránsito de mercadorias
perigosas das costas, controlar o tráfico, controlar o estado dos
buques e as infraestruturas portuárias que armacenan substáncias
perigosas, e dotar a Galiza dun dispositivo público de salvamento,
loita contra a contaminación mariña e intervención
rápida en casos de catástrofe suficientemente dotado.

|